21/6/26

Pechamos o curso desfrutando de Moby Dick 🐋🌞

Este venres, puxemos peche ao curso escolar 2025-26 cunha obra de teatro adaptada ao alumnado das diferentes idades do centro educativo. Queremos agradecer á libraría Galgo Azul e ás persoas que fixeron posible que os nosos nenos e nenas despediran este ano académico cun sorriso na boca. A balea Moby Dick converteuse na mellor amiga de moitos dos nosos pequenos/as, quenes se achegaron a tocala e, para que mentir, a refrescarse co chorro de auga que expulsaba. 

Grazas ao teatro, aos teatreiros/as e ás bibliotecas por facernos viaxar coas súas historias. Que nunca se perda esta maxia. Bo verán a todos e a todas!! 🌞



19/6/26

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN 🌞

Coa chegada das vacacións de verán, desde a biblioteca escolar queremos compartir convosco unha selección de lecturas para todas as idades. Trátase dunha pequena mostra de libros que nos gustaron, que emocionaron a moitos nenos e nenas e que pensamos que poden acompañarvos durante estes meses de descanso.

Pero queremos lembrar algo moi importante: estas recomendacións son só iso, recomendacións.

O máis importante non é ler un libro concreto, senón seguir lendo. Ler por gusto, por curiosidade, por diversión. Ler porque unha historia nos fai rir, porque queremos saber que vai pasar na seguinte páxina ou porque nos sentimos acompañados por un personaxe que parece feito para nós.

Cada lector e cada lectora é diferente. Hai quen busca aventuras, quen prefire o humor, quen goza cos misterios e quen se deixa levar pola fantasía. Por iso, durante o verán, animamos ás familias a deixar que sexan os propios nenos e nenas quen participen na elección das súas lecturas. Cando un libro se escolle libremente, as posibilidades de que se converta nunha experiencia especial multiplícanse.

O noso papel como adultos non é decidir sempre por eles, senón acompañalos. Axudalos a descubrir novos títulos, escoitar os seus gustos, visitar bibliotecas e librarías, compartir conversacións sobre libros e estar ao seu lado cando unha historia os emociona ou os fai soñar.

E hai algo máis que non debemos esquecer: os nenos e nenas aprenden tamén co exemplo. Cando nos ven ler, cando perciben que os libros forman parte da nosa vida, están a descubrir que a lectura non é unha tarefa escolar, senón unha fonte de pracer, coñecemento e compañía que pode acompañarnos durante toda a vida.

Agardamos que este verán estea cheo de páxinas dobradas, de personaxes inesquecibles, de aventuras sorprendentes e de momentos compartidos arredor dos libros.

Porque, ao final, non importa tanto que libro escollamos como que nunca deixemos de abrir as súas portas.

Feliz verán e felices lecturas!



15/6/26

GRAZAS MINIBIBLIOTECARIOS/AS! 💛💜

Hoxe, no tempo de recreo empregamos as instalacións da biblioteca cun fin diferente: agradecerlles aos nosos minibibliotecarios/as o seu esforzo, traballo e implicación ao longo destes meses. Para isto, desfrutaron dunha merendola e fíxoselles entrega dun diploma a modo de recoñecemento. Sen ningunha dúbida, a súa axuda foi crucial na nosa biblioteca, facendo posible que nos recreos puideramos atender á grande afluencia de alumnado que pasa por este espazo.
Grazas nenos e nenas por facer posible que a biblioteca do Ponte dos Brozos funcionara da mellor maneira. 



8/6/26

🌟CONTACONTOS MÁXICO 🌟

O pasado venres, os nenos e nenas de segundo de primaria vivenciaron un contacontos cheo de maxia e misterio dan man da bruxa Olalla a Meigalla, que aterrizou coa súa vasoira nas instalacións do noso centro. Supuxo unha oportunidade moi grata para o alumnado, que desfrutou dun momento de escoita e interpretación que o fixo viaxar a un mundo de fantasía.
Agradecemos moito a oportunidade de contar con este tipo de actividades no noso centro, xa que fan que os máis pequenos adquiran gusto pola lectura🌟📗.



19/5/26

OS DIFERENTES ESPAZOS DA NOSA BIBLIO 📘🔍🃞

Na biblioteca seguimos medrando para converter este espazonun lugar cada vez máis acolledor, dinámico e cheo de posibilidades. Durante as últimas semanas organizamos diferentes zonas para que cada persoa atope o seu lugar ideal segundo o que queira facer. Investigar, ler tranquilamente ou compartir momentos de xogo e aprendizaxe.

Deste xeito, presentámosvos os nosos 3 recunchos:

Recuncho de investigación 🔍

Un espazo pensado para buscar información, desenvolver proxectos e traballar cos recursos dixitais. Aquí atoparás ordenadores, mesas de traballo e acceso a libros e materiais de consulta. 


Recuncho de letura 📗

O noso recuncho máis tranquilo e acolledor. Creamos un espazo cómodo para sentarse, relaxarse e desfrutar da letura.

Recuncho de xogos 🎲

Aprender xogando tamén forma parte da biblioteca. Neste espazo atoparás xogos de mesa e actividades para compartir, pensar e divertirse xuntos.



Con esta nova organización, queremos que a biblioteca sexa un espazo adaptado ás diferentes maneiras de aprender e desfrutar, así que se aínda non os coñeces... animámoste a visitar os novos recunchos e a atopar o teu lugar favorito na biblio! 



18/5/26

A NOVA NOMENCLATURA DA NOSA BIBLIO

Un dos cambios que introducimos na nosa biblioteca é o relacionado coa nomenclatura, creando un modelo propio máis visual, intuitivo e axeitado a todos os usuarios. 




14/5/26

PODCAST DE BEGOÑA CAAMAÑO DO ALUMNADO DE TERCEIRO A TRAVÉS DA RADIO E A BIBLIO ESCOLAR 🎤🎧🔊

No marco da celebración do Día das Letras Galegas, o alumnado de terceiro de primaria do grupo E participou nunha actividade moi especial centrada na figura de Begoña Caamaño. O proxecto consistiu na gravación dun podcast no que se recollen os feitos máis salientables da vida e da obra da autora galega, achegando ao alumnado á súa traxectoria literaria e ao seu compromiso coa lingua e coa cultura galegas.

Esta actividade forma parte do traballo de lectura que se desenvolve ao longo do curso e nace tamén coa intención de celebrar o Día das Letras Galegas, tanto na biblioteca escolar como na radio do centro, dous espazos fundamentais para fomentar o gusto pola lectura e pola comunicación oral.

Ao longo da preparación do podcast, os nenos e nenas coñeceron aspectos relevantes da vida de Begoña Caamaño, así como algunhas das súas obras máis coñecidas, descubrindo unha autora que destacou pola súa mirada crítica, pola defensa da igualdade e pola riqueza da súa escrita.

O alumnado puxo voz aos diferentes fragmentos e explicacións do podcast, participando así nunha experiencia motivadora que lle permitiu traballar a lectura en voz alta, a entoación e a expresión oral dun xeito diferente.

Con iniciativas coma esta, a escola continúa apostando por achegar a literatura galega ás novas xeracións a través de actividades creativas e próximas á realidade do alumnado, facendo da biblioteca e da radio escolar espazos vivos de aprendizaxe e celebración da nosa cultura.

Feliz día das Letras Galegas! 💙





Non marches sen escoitar o noso marabilloso podcast!!

Preme na seguinte ligazón e escoita atentamente 👂: 

https://drive.google.com/file/d/1tZuCZtJ2xCmHtr57erVpzYi4h_dCRowX/view?usp=sharing 

11/5/26

NORMAS DE USO DA BIBLIOTECA

Agora que a nosa biblioteca se atopa aberta, temos que colaborar todos e todas en que o seu funcionamento sexa axeitado. Para isto, dende o equipo de biblioteca, elaboráronse uns carteis coas normas de uso, que foron repartidos por todas as aulas do noso centro educativo, contribuíndo a que o profesorado as lera co seu alumnado e as colocaran nun lugar visible no que poder ollealas cando sexa preciso.

O obxectivo destas normas é conseguir que a biblioteca sexa un espazo agradable, ordenado e tranquilo para todo o alumnado e profesorado.