21/6/26

Pechamos o curso desfrutando de Moby Dick 🐋🌞

Este venres, puxemos peche ao curso escolar 2025-26 cunha obra de teatro adaptada ao alumnado das diferentes idades do centro educativo. Queremos agradecer á libraría Galgo Azul e ás persoas que fixeron posible que os nosos nenos e nenas despediran este ano académico cun sorriso na boca. A balea Moby Dick converteuse na mellor amiga de moitos dos nosos pequenos/as, quenes se achegaron a tocala e, para que mentir, a refrescarse co chorro de auga que expulsaba. 

Grazas ao teatro, aos teatreiros/as e ás bibliotecas por facernos viaxar coas súas historias. Que nunca se perda esta maxia. Bo verán a todos e a todas!! 🌞



19/6/26

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN 🌞

Coa chegada das vacacións de verán, desde a biblioteca escolar queremos compartir convosco unha selección de lecturas para todas as idades. Trátase dunha pequena mostra de libros que nos gustaron, que emocionaron a moitos nenos e nenas e que pensamos que poden acompañarvos durante estes meses de descanso.

Pero queremos lembrar algo moi importante: estas recomendacións son só iso, recomendacións.

O máis importante non é ler un libro concreto, senón seguir lendo. Ler por gusto, por curiosidade, por diversión. Ler porque unha historia nos fai rir, porque queremos saber que vai pasar na seguinte páxina ou porque nos sentimos acompañados por un personaxe que parece feito para nós.

Cada lector e cada lectora é diferente. Hai quen busca aventuras, quen prefire o humor, quen goza cos misterios e quen se deixa levar pola fantasía. Por iso, durante o verán, animamos ás familias a deixar que sexan os propios nenos e nenas quen participen na elección das súas lecturas. Cando un libro se escolle libremente, as posibilidades de que se converta nunha experiencia especial multiplícanse.

O noso papel como adultos non é decidir sempre por eles, senón acompañalos. Axudalos a descubrir novos títulos, escoitar os seus gustos, visitar bibliotecas e librarías, compartir conversacións sobre libros e estar ao seu lado cando unha historia os emociona ou os fai soñar.

E hai algo máis que non debemos esquecer: os nenos e nenas aprenden tamén co exemplo. Cando nos ven ler, cando perciben que os libros forman parte da nosa vida, están a descubrir que a lectura non é unha tarefa escolar, senón unha fonte de pracer, coñecemento e compañía que pode acompañarnos durante toda a vida.

Agardamos que este verán estea cheo de páxinas dobradas, de personaxes inesquecibles, de aventuras sorprendentes e de momentos compartidos arredor dos libros.

Porque, ao final, non importa tanto que libro escollamos como que nunca deixemos de abrir as súas portas.

Feliz verán e felices lecturas!



15/6/26

GRAZAS MINIBIBLIOTECARIOS/AS! 💛💜

Hoxe, no tempo de recreo empregamos as instalacións da biblioteca cun fin diferente: agradecerlles aos nosos minibibliotecarios/as o seu esforzo, traballo e implicación ao longo destes meses. Para isto, desfrutaron dunha merendola e fíxoselles entrega dun diploma a modo de recoñecemento. Sen ningunha dúbida, a súa axuda foi crucial na nosa biblioteca, facendo posible que nos recreos puideramos atender á grande afluencia de alumnado que pasa por este espazo.
Grazas nenos e nenas por facer posible que a biblioteca do Ponte dos Brozos funcionara da mellor maneira. 



8/6/26

🌟CONTACONTOS MÁXICO 🌟

O pasado venres, os nenos e nenas de segundo de primaria vivenciaron un contacontos cheo de maxia e misterio dan man da bruxa Olalla a Meigalla, que aterrizou coa súa vasoira nas instalacións do noso centro. Supuxo unha oportunidade moi grata para o alumnado, que desfrutou dun momento de escoita e interpretación que o fixo viaxar a un mundo de fantasía.
Agradecemos moito a oportunidade de contar con este tipo de actividades no noso centro, xa que fan que os máis pequenos adquiran gusto pola lectura🌟📗.



19/5/26

OS DIFERENTES ESPAZOS DA NOSA BIBLIO 📘🔍🃞

Na biblioteca seguimos medrando para converter este espazonun lugar cada vez máis acolledor, dinámico e cheo de posibilidades. Durante as últimas semanas organizamos diferentes zonas para que cada persoa atope o seu lugar ideal segundo o que queira facer. Investigar, ler tranquilamente ou compartir momentos de xogo e aprendizaxe.

Deste xeito, presentámosvos os nosos 3 recunchos:

Recuncho de investigación 🔍

Un espazo pensado para buscar información, desenvolver proxectos e traballar cos recursos dixitais. Aquí atoparás ordenadores, mesas de traballo e acceso a libros e materiais de consulta. 


Recuncho de letura 📗

O noso recuncho máis tranquilo e acolledor. Creamos un espazo cómodo para sentarse, relaxarse e desfrutar da letura.

Recuncho de xogos 🎲

Aprender xogando tamén forma parte da biblioteca. Neste espazo atoparás xogos de mesa e actividades para compartir, pensar e divertirse xuntos.



Con esta nova organización, queremos que a biblioteca sexa un espazo adaptado ás diferentes maneiras de aprender e desfrutar, así que se aínda non os coñeces... animámoste a visitar os novos recunchos e a atopar o teu lugar favorito na biblio! 



18/5/26

A NOVA NOMENCLATURA DA NOSA BIBLIO

Un dos cambios que introducimos na nosa biblioteca é o relacionado coa nomenclatura, creando un modelo propio máis visual, intuitivo e axeitado a todos os usuarios. 




14/5/26

PODCAST DE BEGOÑA CAAMAÑO DO ALUMNADO DE TERCEIRO A TRAVÉS DA RADIO E A BIBLIO ESCOLAR 🎤🎧🔊

No marco da celebración do Día das Letras Galegas, o alumnado de terceiro de primaria do grupo E participou nunha actividade moi especial centrada na figura de Begoña Caamaño. O proxecto consistiu na gravación dun podcast no que se recollen os feitos máis salientables da vida e da obra da autora galega, achegando ao alumnado á súa traxectoria literaria e ao seu compromiso coa lingua e coa cultura galegas.

Esta actividade forma parte do traballo de lectura que se desenvolve ao longo do curso e nace tamén coa intención de celebrar o Día das Letras Galegas, tanto na biblioteca escolar como na radio do centro, dous espazos fundamentais para fomentar o gusto pola lectura e pola comunicación oral.

Ao longo da preparación do podcast, os nenos e nenas coñeceron aspectos relevantes da vida de Begoña Caamaño, así como algunhas das súas obras máis coñecidas, descubrindo unha autora que destacou pola súa mirada crítica, pola defensa da igualdade e pola riqueza da súa escrita.

O alumnado puxo voz aos diferentes fragmentos e explicacións do podcast, participando así nunha experiencia motivadora que lle permitiu traballar a lectura en voz alta, a entoación e a expresión oral dun xeito diferente.

Con iniciativas coma esta, a escola continúa apostando por achegar a literatura galega ás novas xeracións a través de actividades creativas e próximas á realidade do alumnado, facendo da biblioteca e da radio escolar espazos vivos de aprendizaxe e celebración da nosa cultura.

Feliz día das Letras Galegas! 💙





Non marches sen escoitar o noso marabilloso podcast!!

Preme na seguinte ligazón e escoita atentamente 👂: 

https://drive.google.com/file/d/1tZuCZtJ2xCmHtr57erVpzYi4h_dCRowX/view?usp=sharing 

11/5/26

NORMAS DE USO DA BIBLIOTECA

Agora que a nosa biblioteca se atopa aberta, temos que colaborar todos e todas en que o seu funcionamento sexa axeitado. Para isto, dende o equipo de biblioteca, elaboráronse uns carteis coas normas de uso, que foron repartidos por todas as aulas do noso centro educativo, contribuíndo a que o profesorado as lera co seu alumnado e as colocaran nun lugar visible no que poder ollealas cando sexa preciso.

O obxectivo destas normas é conseguir que a biblioteca sexa un espazo agradable, ordenado e tranquilo para todo o alumnado e profesorado.



5/5/26

Os minibibliotecarios póñense en marcha 📚✨

 


Alegrámonos de compartir que recentemente levouse a cabo unha formación destinada a poñer en marcha o traballo dos minibibliotecarios.

Durante esta sesión, as persoas participantes puideron coñecer de primeira man cales serán as súas funcións, así como a importancia do seu papel no bo funcionamento deste espazo tan especial. A súa colaboración será fundamental para fomentar a orde, o coidado dos materiais e, sobre todo, o gusto pola lectura entre os seus compañeiros e compañeiras.

Este ano, a acollida da iniciativa foi especialmente destacable. Contamos cunha gran participación e presentáronse como voluntarios numerosos nenos e nenas de sexto curso, o que demostra a súa implicación, responsabilidade e entusiasmo por formar parte activa da vida da biblioteca.

Queremos agradecerlles a todos eles o seu interese e disposición , e estamos seguros de que realizarán unha labor excelente como minibibliotecarios 🌈.


1/5/26

📚✨ APADRIÑAMENTOS LECTORES EN MARCHA! ✨📚

 Ao longo desta semana leváronse a cabo os apadriñamentos lectores, unha fermosa iniciativa que nace dende a nosa biblioteca do centro e que, debido ao seu éxito, lévase repetindo varios anos.

Nestes encontros, o alumnado maior leulle contos ao máis pequeno, creando momentos cheos de maxia e ilusión. Ademais, aproveitáronse distintos espazos do centro, transformándoos en recunchos de lectura moi especiais.




Algúns dos libros empregados pertencían á nosa biblioteca, pero tamén contamos con historias moi persoais: moitos alumnos/as trouxeron da casa ese conto que tanto lles gustaba cando eran pequenos/as, para compartilo cos seus afillados/as lectores.

Como mostra de agradecemento, os padriños e madriñas preparáronlles un agasallo feito a man aos seus afillados/as e biceversa.

Sen dúbida, foi unha iniciativa enriquecedora que fomentou o gusto pola lectura, a convivencia e a conexión entre compañeiros/as de distintas idades que, nun cole destas dimensións, ás veces é complicada se non se fan este tipo de actividades🤝📚.














27/4/26

Os primeiros pasos da nosa nova biblioteca

Boas tardes, comunidade educativa!

Hoxe pasámonos por aquí para facervos coñecedores e coñecedoras do proceso de reconstrución da nosa biblioteca e para que saibades por que permanecemos pechados durante estes meses. 

A biblioteca escolar precisa dun sistema de clasificación dos seus fondos documentais que permita ordenalos de maneira eficaz e que favoreza a súa localización por parte das persoas usuarias. É fundamental que as bibliotecas escolares usen a Clasificación Decimal Universal (CDU), sistema que utilizan a maior parte das bibliotecas do mundo e que permite ordenar os fondos documentais por materias, facilitando a súa localización.

Este proceso supuxo un trabajo intenso y minucioso. En primeiro lugar, foi necesario realizar un inventario completo de todos os recursos da biblioteca. Durante esta revisión, detectamos máis de mil exemplares que tiveron que ser expurgados por encontrarse desfasados ou en mal estado. Así mesmo, comprobamos que outro número significativo de libros figuraban no rexistro pero non se encontraban físicamente na biblioteca.

Aínda que esta tarefa supuxo tempo e esforzo, foi fundamental para sentar as bases dunha biblioteca renovada, organizada e útil. Gracias a este proceso, poderemos ofrecer un espazo más accesible, actualizado e adaptado ás necesidades do alumnado e do profesorado.

A continuación, amosamos unha imaxe da CDU e dun espazo da nosa biblioteca que exemplifica a súa aplicación.




EDUCACIÓN INFANTIL REABRE A AULA DE CONTOS!

 📚✨ Volve a maxia da lectura a Educación Infantil! ✨📚

Alégranos enormemente anunciar a reapertura da Aula de Contos en Educación Infantil, un espazo cheo de imaxinación, emocións e descubrimentos.

Para celebrarlo, preparamos unha actividade moi especial: un contacontos baseado no precioso libro “El niño con flores en la cabeza”, que foi narrado con moito agarimo polas nosas profes. 

Unha historia que invita a sentir, a comprender e a mirar o mundo con outros ollos… perfecta para os nosos pequenos lectores/as.

E agora... a seguir desfrutando deste espazo! 




23/4/26

Celebramos o Día do Libro... coa reapertura da nosa biblioteca!




                                                                                                
 

A biblioteca volve abrir as súas portas este 23 de abril!

Con motivo do Día do Libro, a nosa biblioteca reabre e queremos celebralo convosco da mellor maneira: rodeados de historias, imaxinación e ganas de compartir.

A partires de hoxe, os nenos e nenas poderedes volver a desfrutar das instalacións e recursos da nosa biblio: xogos, espazos de lectura libre e, por suposto, o noso servizo de préstamo, que estará de novo dispoñible para que levedes para a casa novas aventuras. 

Será unha ocasión perfecta para reencontrarnos, redescubrir os nosos recunchos favoritos e dar a benvida a novas persoas lectoras. Tanto se vides na procura da vosa próxima lectura como se simplemente queredes pasar un bo anaco, aquí atoparedes o voso lugar.

Agardámosvos! 📘😊

18/3/26

ENCONTRO PLAMBE 2026

Hoxe queremos compartir unha noticia que nos fai especial ilusión na nosa biblioteca escolar.

Profesorado do CEIP Ponte dos Brozos participa no encontro PLAMBE correspondente ao curso 2025/2026, unha cita clave para o intercambio de experiencias, a formación e a mellora continuada das bibliotecas escolares.

Este tipo de encontros permiten coñecer novas iniciativas, proxectos inspiradores e recursos que contribúen a seguir dinamizando as nosas bibliotecas como espacios vivos de aprendizaxe, creatividade e convivencia. Nesta ocasión, contamos coas aportacións de auténticos/as profesionais neste eido, como foron Melani Coedo Pérez e Beatriz Quintela Fernández, que falaron das redes de bibliotecas escolares, ou Daniel Cassani, que nos contou os retos que supón ler na época da intelixencia artificial. 

A sociedade avanza e o profesorado debemos facelo ao mesmo ritmo, sendo comptentes para responder ás necesidades e inquedanzas do alumnado, por iso é tan importante estar en continua formación.

Estamos seguros de que esta participación traerá novas ideas que enriquecerán e reforzarán o papel da biblioteca como motor cultural do centro.



4/3/26

AS MINI BIBLIOTECAS DE AULA CHEGAN A 1º DE PRIMARIA

Dende a semana pasada, os nenos e nenas de 1º de Educación Primaria xa desfrutan das súas esperadas mini bibliotecas de aula, unha iniciativa que fomenta o gusto pola lectura do noso alumnado máis cativo.

Así, dende a biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos damos saída a numerosos contos para que os nosos libros non queden só nas estanterías, senón que viaxen ata as aulas e formen parte do día a día do alumnado, favorecendo momentos espontáneos de lectura, curiosidade e descubrimento .

As mini bibliotecas permiten crear recunchos lectores dentro da aula, onde os nenos e nenas poden explorar historias, compartir lecturas e comezar a desenvolver o hábito lector de forma natural e motivadora.




.

12/1/26

CONTACONTOS DE GRANDES A PEQUENOS




O alumnado de 4º de Primaria preparou con moito agarimo unha sesión de contacontos para os nenos e nenas de 1º.

Foi unha experiencia moi especial na que compartiron historias, ilusión e o gusto pola lectura 😍📗.

Parabéns a todos e a todas pola participación pois, como vedes, unha vez máis, a lectura foi motivo para pasar un tempo divertido xuntos, neste caso, entre nenos e nenas de diferentes idades, que teñen moito que compartir e que ensinarse.

16/12/25

🎄 A maxia da lectura chega este Nadal á biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos 📚✨



Coa chegada das vacacións de Nadal, a biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos e o Equipo de Normalización da Lingua Galega traballan conxuntamente para invitar ao noso alumnado e ás súas familias a desfrutar dun dos mellores agasallos: un bo libro.

Preparamos unha coidada selección de recomendacións lectoras, pensadas para as diferentes idades e niveis do colexio. Nela atoparedes:

📖 Contos cheos de maxia, amizade e valores.
🧭 Aventuras emocionantes para non deixar de ler.
🎅 Historias de Nadal que invitan a soñar.
👅 Lecturas en galego, castelán e inglés.

A lectura nestas datas é unha oportunidade perfecta para compartir tempo en familia, estimular a imaxinación e seguir aprendendo de maneira divertida. Animamos á comunidade educativa a premer neste enlace https://view.genially.com/6939ba7f222545f344f3fe57/interactive-content-felices-festas, escoller a súa próxima lectura e deixarse levar polas historias durante as vacacións.

Porque este Nadal… ler tamén é un agasallo.

Felices lecturas e felices festas!

Biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos

19/11/25

Posta en marcha dos bauis de lectura

 




Dende a biblioteca escolar comprácenos anunciar a chegada duns visitantes moi especiais: os nosos bauis de lectura! 💼

Durante a semana pasada distribuimos polos diferentes niveis uns baius cheos de libros seleccionados coidadosamente para fomentar o pracer pola lectura, a curiosidade e o descubrimento compartido.

Cada baúl contén 25 exemplares do mesmo título adapados aos intereses e idades do alumnado coa fin de promover as lecturas conxuntas dentro da aula. 

Dende a biblioteca esperamos que se convertan nunha ferramenta habitual para desfrutar da lectura en comunidade.

Abramos os baius, abramos os libros e... que empece a aventura! 😊

XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

Algunhas compañeiras do equipo de biblioteca asistiron ás xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, onde adquiriron pautas para facer do noso lugar de lectura un espazo mellor e adapatado ás circunstancias do noso centro e ás características do alumnado. A formación sempre é necesaria, sobre todo neste momento de transformación no que se atopa a nosa biblioteca. Por iso, queremos dar ás grazas ás persoas que fan posible que os mestres e mestras teñamos estas oportunidades.



4/11/25

Chegan as mochilas viaxeiras!



Dende a biblioteca anunciamos a posta en marcha da iniciativa "Mochilas Viaxeiras"👜✈🏠. 

O obxectivo é achegar a lectura e a cultura aos fogares. Deste xeito, cada mochila contén unha coidada selección de libros e algún que outro recurso sorpresa, pensados para que os nenos e as nenas poidan desfrutar, aprender e compartir momentos de lectura coa súa familia 👪.
Cada semana, as mochilas viaxarán a diferentes casas, cheas de historias e aventuras que esperan ser descubertas.
Con esta proposta queremos fomentar o gusto pola lectura, fortalecer os vínculos familiares e recordar que os libros tamén poden ser unha excelente excusa para pasar tempo xuntos.