18/3/26

ENCONTRO PLAMBE 2026

Hoxe queremos compartir unha noticia que nos fai especial ilusión na nosa biblioteca escolar.

Profesorado do CEIP Ponte dos Brozos participa no encontro PLAMBE correspondente ao curso 2025/2026, unha cita clave para o intercambio de experiencias, a formación e a mellora continuada das bibliotecas escolares.

Este tipo de encontros permiten coñecer novas iniciativas, proxectos inspiradores e recursos que contribúen a seguir dinamizando as nosas bibliotecas como espacios vivos de aprendizaxe, creatividade e convivencia. Nesta ocasión, contamos coas aportacións de auténticos/as profesionais neste eido, como foron Melani Coedo Pérez e Beatriz Quintela Fernández, que falaron das redes de bibliotecas escolares, ou Daniel Cassani, que nos contou os retos que supón ler na época da intelixencia artificial. 

A sociedade avanza e o profesorado debemos facelo ao mesmo ritmo, sendo comptentes para responder ás necesidades e inquedanzas do alumnado, por iso é tan importante estar en continua formación.

Estamos seguros de que esta participación traerá novas ideas que enriquecerán e reforzarán o papel da biblioteca como motor cultural do centro.



4/3/26

AS MINI BIBLIOTECAS DE AULA CHEGAN A 1º DE PRIMARIA

Dende a semana pasada, os nenos e nenas de 1º de Educación Primaria xa desfrutan das súas esperadas mini bibliotecas de aula, unha iniciativa que fomenta o gusto pola lectura do noso alumnado máis cativo👦👧📗.

Así, dende a biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos damos saída a numerosos contos para que os nosos libros non queden só nas estanterías, senón que viaxen ata as aulas e formen parte do día a día do alumnado, favorecendo momentos espontáneos de lectura, curiosidade e descubrimento .

As mini bibliotecas permiten crear recunchos lectores dentro da aula, onde os nenos e nenas poden explorar historias, compartir lecturas e comezar a desenvolver o hábito lector de forma natural e motivadora.




.

12/1/26

CONTACONTOS DE GRANDES A PEQUENOS




O alumnado de 4º de Primaria preparou con moito agarimo unha sesión de contacontos para os nenos e nenas de 1º.

Foi unha experiencia moi especial na que compartiron historias, ilusión e o gusto pola lectura 😍📗.

Parabéns a todos e a todas pola participación pois, como vedes, unha vez máis, a lectura foi motivo para pasar un tempo divertido xuntos, neste caso, entre nenos e nenas de diferentes idades, que teñen moito que compartir e que ensinarse.

16/12/25

🎄 A maxia da lectura chega este Nadal á biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos 📚✨



Coa chegada das vacacións de Nadal, a biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos e o Equipo de Normalización da Lingua Galega traballan conxuntamente para invitar ao noso alumnado e ás súas familias a desfrutar dun dos mellores agasallos: un bo libro.

Preparamos unha coidada selección de recomendacións lectoras, pensadas para as diferentes idades e niveis do colexio. Nela atoparedes:

📖 Contos cheos de maxia, amizade e valores.
🧭 Aventuras emocionantes para non deixar de ler.
🎅 Historias de Nadal que invitan a soñar.
👅 Lecturas en galego, castelán e inglés.

A lectura nestas datas é unha oportunidade perfecta para compartir tempo en familia, estimular a imaxinación e seguir aprendendo de maneira divertida. Animamos á comunidade educativa a premer neste enlace https://view.genially.com/6939ba7f222545f344f3fe57/interactive-content-felices-festas, escoller a súa próxima lectura e deixarse levar polas historias durante as vacacións.

🎁 Porque este Nadal… ler tamén é un agasallo.

Felices lecturas e felices festas!

Biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos

19/11/25

Posta en marcha dos bauis de lectura

 




Dende a biblioteca escolar comprácenos anunciar a chegada duns visitantes moi especiais: os nosos bauis de lectura! 💼

Durante a semana pasada distribuimos polos diferentes niveis uns baius cheos de libros seleccionados coidadosamente para fomentar o pracer pola lectura, a curiosidade e o descubrimento compartido.

Cada baúl contén 25 exemplares do mesmo título adapados aos intereses e idades do alumnado coa fin de promover as lecturas conxuntas dentro da aula 📗. 

Dende a biblioteca esperamos que se convertan nunha ferramenta habitual para desfrutar da lectura en comunidade.

Abramos os baius, abramos os libros e... que empece a aventura! 😊

XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

Algunhas compañeiras do equipo de biblioteca asistiron ás xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, onde adquiriron pautas para facer do noso lugar de lectura un espazo mellor e adapatado ás circunstancias do noso centro e ás características do alumnado. A formación sempre é necesaria, sobre todo neste momento de transformación no que se atopa a nosa biblioteca. Por iso, queremos dar ás grazas ás persoas que fan posible que os mestres e mestras teñamos estas oportunidades.



4/11/25

Chegan as mochilas viaxeiras!



Dende a biblioteca anunciamos a posta en marcha da iniciativa "Mochilas Viaxeiras"👜✈🏠. 

O obxectivo é achegar a lectura e a cultura aos fogares. Deste xeito, cada mochila contén unha coidada selección de libros e algún que outro recurso sorpresa, pensados para que os nenos e as nenas poidan desfrutar, aprender e compartir momentos de lectura coa súa familia 👪📗.
Cada semana, as mochilas viaxarán a diferentes casas, cheas de historias e aventuras que esperan ser descubertas.
Con esta proposta queremos fomentar o gusto pola lectura, fortalecer os vínculos familiares e recordar que os libros tamén poden ser unha excelente excusa para pasar tempo xuntos.


                        





31/10/25

👻 Contacontos de medo por Samaín 👻



O pasado xoves, os corredores do noso centro enchéronse de emoción, risas e algún que outro susto coa celebración dun contacontos de medo no primeiro ciclo de Educación Primaria.

Os mestres e mestras convertéronse nas personaxes das historias: desfrazáronse, interpretaron e lograron que os pequenos asistentes se sumexiran por completo no mundo do terror e da fantasía.

Este ambiente máxico fixo que vivíramos unha xornada inolvidable na que a lectura, a imaxinación e o traballo en equipo foron os grandes protagonistas.

Graciñas a todos os profes pola súa entrega e creatividade, e aos nosos valientes espectadores por acompañarnos!

👻Quen se atreve a vir ao próximo contacontos?🕯️